Creando Educación Social › Foros › Foro Cursos › Curso: Coeducación, desaprender en las aulas › 4. Reflexión › Respuesta a: 4. Reflexión
Ao igual que algunha das compañeiras que xa comentaran no foro, eu tamén coñecía o vídeo e, do mesmo xeito, me parece unha ferramenta interesante para cuestionarnos, tanto nós como quizais persoas da nosa contorna ás que llo poidamos ensinar, se realmente estamos construíndo unha sociedade equitativa na cuestión de xénero para as vindeiras xeracións.
Moitas das situacións narradas polas compañeiras previamente sonme familiares por experencialas en carnes propias; e, por engadir outro exemplo de currículo oculto, podemos falar de como dende a infancia se ánima a nenas a atender coidados e aos nenos a tarefas máis técnicas ou físicas, dando como resultado que nos estudos superiores non obrigatorios atopemos, por exemplo, unha maioría de mulleres no ámbito de servizos sociocomunitarios e unha maioría de homes nos ámbitos de mecánica.
Respecto ás dúas últimas preguntas, persoalmente, considero que todas as persoas tivemos, temos e podemos ter comportamentos sexistas inconscientemente; é complicado desfacerse de todas esas normas, costumes, crenzas, linguaxes e símbolos que nos foron gravando na mente dende o noso nacemento e, como apuntaba unha compañeira, podemos reproducilos automaticamente, sen sequera percatarnos, por dita interiorización. O importante, como xa apuntaron en varios comentarios, é darnos conta de cando estamos tendo algún tipo de comportamento ou actitude sexista para poder modificalo nun futuro, sempre tendo en conta que a deconstrución destas aprendizaxes é un proceso longo e complexo, polo que non debemos culpabilizarnos se non somos perfectas ou perfectos; somos humanas e humanos, e podemos errar; ver os erros é parte do camiño para lograr unha igualdade real e efectiva.